A Asociación Cultural e Deportiva “A Milagrosa” de Carballo, acordou recuperar a iniciativa promovida en marzo de 2020 e celebrar o “Iº Xantar A Milagrosa 22”. O éxito de inscrición para a celebración prevista para o ano 2020 (546 persoas) e o interese que veñen mostrando moitos veciños e veciñas por que se retome a iniciativa, levou á Asociación da Milagrosa a animarse a organizar de novo o evento. A data acordada é o sábado 4 de xuño e o lugar elixido o Pavillón Polideportivo do Colexio Xesús San Luís Romero.
Os actos darán comezo ás 13:00 horas coa apertura de portas para dar paso a unha pequena sesión vermut que correrá a cargo do “Grupo Son II”. A continuación, a partir das 14:30 horas, servirase a comida que consistirá en empanada variada, polbo á galega, churrasco de porco e tenreira, chourizos criollos, patacas, postre e licores. Todo iso regado con viño branco, tinto e auga. Acto seguido o “Grupo Son II”, iniciará unha segunda actuación que se alongará ata ben entrada a tarde.
Nos próximos días poñeranse á venda as entradas para o evento en todos os locais de hostalería do barrio da Milagrosa. Os interesados tamén se poderán dirixir aos membros da organización para a adquisición das mesmas. Ao longo da celebración sortearase un bo número de agasallos que foron cedidos por distintas casas comerciais do barrio e outros puntos do concello.
Dada a gran expectativa que levantou a primeira convocatoria, desde a organización animan aos/as interesados/as a retirar a súa entrada canto antes, xa que, aínda que o aforo do pavillón é moi superior, unicamente se ofertarán 400 prazas por cuestións organizativas e de seguridade. Nesta celebración colaboran, ademais das casas comerciais e locais de hostalería, o Concello de Carballo e a dirección do Colexio Xesús San Luís Romero, a quen desde a Asociación queren dar as máis expresivas grazas.