A asociación Adro de Vilaño presentou a oitava edición da Carreira do Apóstolo

O evento deportivo máis multitudinario do Concello foi presentado este sábado no transcurso do Día do Deporte da Laracha. A proba, respaldada pola Deputación da Coruña e o Concello da Laracha, combina deporte, saúde, diversión e solidariedade. Esta VIII edición, que se celebrará o 12 de xullo en Vilaño, reforza o seu espírito solidario e comunitario, con distancias máis accesibles, a incorporación da actividade dirixida Salsation e a recadación para a AECC e Cáritas. No acto estiveron presentes, ademáis de membros de Adro, a concelleira de Deportes, Patricia Bello e o alcalde José Manuel López Varela.

“Queremos un evento deportivo aberto a todas as persoas, sen importar a idade nin a forma física” afirma Juan Ramos, responsable da proba. “Hai xente que ven competir e facer tempos, outros veñen a camiñar ou a acompañar. O importante para nós é que ninguén quede fóra”.
A carreira, que forma parte do XI Circuito de Carreiras da Deputación da Coruña, ofrece unha nova distancia de 7 km para a categoría absoluta co obxectivo de facer a proba mais atractiva e accesible, e contará cunha ampla programación para todas as idades: 18:00 h – Benxamín e alevín; 18:15 h – Infantil e cadete; 18:45 h – Pitufos; 18:55 h – Andaina Solidaria con Cáritas e AECC; 19:00 h – Xuvenil e Absoluta; 19:30 h – Actividade dirixida: Salsation.
A cita inclúe unha Andaina Solidaria de 3,5km que ten como finalidade recadar fondos para a AECC (Asociación Española Contra o Cancro) e Cáritas da Laracha, así como unha sesión de Salsation impartida polo representante da marca en Galicia, Yohnny William Junque.
As inscricións poden realizarse a través da web carreirasgalegas.com, ou presencialmente no Concello da Laracha (dpto. deportes), no centro Tempo Training & Social Center, na piscina da Laracha ou no establecemento Cultiagro. O prazo para a inscrición xa está aberto e rematará o 9 de xullo. O prezo é de 6 euros, sendo gratuíta para escolares.
Durante a proba haberá servizos de gardaría, gardarroupa, fisioterapia, piscina de crioxénese, duchas e avituallamento con froita e bebida. Ao finalizar as probas, haberá pinchos para todos os asistentes, creando así un ambiente festivo e de convivencia.
O evento conta co patrocinio de diversas empresas e entidades como Fundación Luis Calvo Sanz, Clínica Dental Julen & Pastoriza, Art Decor, Tempo Social & Training Center, ClickFer, Fixagal, Cerámica Campo e Pazo De Montes Claros.
Ligazón para inscrición na web: https://www.carreirasgalegas.com/events/viiicarreira- popular-do-apstolo/vojQz1lx

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño