A Asociación Amarai presta voluntariado na Residencia de Maiores de Boimorto

No ano 2017 naceu o proxecto de voluntariado coas persoas usuarias do Centro de Recursos Amarai de Boimorto cun pequeno número de usuari@s que acoden diariamente o centro.

O proxecto nace coa finalidade de que as persoas participantes con diversidade funcional teñan un primeiro contacto co mundo laboral, de cara a adquirir responsabilidades, rutinas de traballo, horarios, mellorar nas habilidades sociais e de interrelación persoal, así como adquirir capacidade de empatía e compromiso coa acción voluntaria coa comunidade.

Nos seus inicios contaba con 6 participantes que acudían á residencia de maiores do concello de Boimorto a prestar apoio nas tarefas de estimulación cognitiva e no servizo de comedor do centro. A día de hoxe son 13 os participantes neste proxecto xa consolidado.

Ademais de seguir colaborando nos servizos antes citados, engádense tamén tarefas de limpeza e lavandería, acompañamento a maiores na deambulación e ximnasia, tarefas administrativas, etc., prestando acción voluntaria non só na residencia de maiores, senón tamén no servizo de limpeza do Concello de Boimorto.

O proxecto segue a medrar, e neste ano, están pendentes de asinar novos convenios de colaboración con diferentes empresas da contorna para iniciar un novo servizo de prácticas prelaborais en diferentes eidos (xardinería, cociña, alimentación…) de cara a posibilitar a independencia e a integración d@s nos@s usuari@s.