- O luns 9 de celebrarán un coloquio sobre a situación da muller ao longo da historia, no local dos maiores do concello de Boimorto
A Asociación Amarai no seu afán de ser referente na loita polos dereitos das persoas con diversidade funcional, súmase ós actos reivindicativos do 8M con diferentes actividades.
Para o día 9 de marzo no local de maiores do concello de Boimorto, teñen preparada unha exposición que fará un percorrido polas grandes mulleres esquecidas pola historia. “A nosa idea é dar a coñecer unha situación que leva producíndose moito tempo e que temos que trocar entre tod@s: que o recoñemento o leven os homes por traballos realizados por mulleres,”, sinalan desde a asociación.
Dende Amarai levan traballando varios meses na realización de marcos (elaborados no centro de recursos para persoas con diversidade funcional en Boimorto) ou na confección de lazos reivindicativos entre varios elementos máis que representen da mellor forma a situación que viven as mulleres.
Ademais, o luns 9 tamén celebrarán un coloquio xunto co concello de Boimorto para reivindicar o papel da muller na sociedade, tanto a pasada coma actual. A charla será das 11:00 ás 13:00 horas no local dos maiores, e nela tratarase a situación das mulleres de cara a debuxar un futuro máis integrador e con máis igualdade.