A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia solicitará ser declarada de interese público

1 minutes read

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia celebrou este sábado unha asemblea no stand de Fairway, o gran foro de profesionais do Camiño que se clausurou no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. Unha asemblea na que se trataron temas de gran interese para a asociación, como a aprobación das contas ou a solicitude á Xunta de que a asociación sexa declarada de interese público.

Esta declaración de utilidade pública suporía un recoñecemento a que o traballo que se desenvolve dende a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia ten a finalidade de lograr un interese xeral, neste caso promover este itinerario xacobeo. Un recoñecemento que suporía moitas obrigas para a Asociación, pero tamén algunhas vantaxes de tipo económico, subvencións, fiscais.

A asemblea estivo presidida pola presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. Nela tomaron parte os alcaldes de Ames, Blas García; Muros, María Lago; e Porto do Son, Luís Oujo; así como concelleiros e concelleiras de Brión, Noia, Outes, Rois e Santiago de Compostela.