A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, reunida en asemblea xeral extraordinaria no Edificio Liceo de Betanzos, deu luz verde ao proxecto “Mellora e posta en valor do Camiño Inglés”, que inclúe 32 actuacións de mellora da sinalización, alumeado, pavimentación e seguridade no Camiño Inglés ao seu paso polos 16 municipios que integran a asociación. Unha asemblea que aprobou por unanimidade aceptar unha revisión de prezos por importe de 65.256,20 euros no proxecto debido ao incremento do prezo dos materiais a empregar na súa execución.
O presidente da asociación, Manuel Mirás, explicou que “este é o primeiro gran proxecto que acometemos dende a Asociación e houbo moitas dificultades porque somos 16 concellos, máis de 32 actuacións e houbo que pedir informes sectoriais a todas as administracións”, o que atrasou en case dous anos a tramitación. Unha situación que fixo que dende o servizo de Intervención da Deputación da Coruña, entidade que o pasado mes de maio aceptou a encomenda da Asociación de Concellos do Camiño Inglés para tramitar este procedemento de licitación, pediran esta revisión de prezos.
O informe técnico presentado na asemblea explicaba que esta revisión de prezos viña motivada pola suba no custe dos materiais a empregar nestes dous anos, o que explica tamén as diferenzas nas cantidades que tiveron que asumir os distintos municipios. Oroso é o municipio que máis terá que achegar (11.549,90 euros), seguido de Narón (7.016,26 euros), Ferrol (6.485.28 euros) e Abegondo (6.412,71 euros). No outro extremo están Carral (670,25 euros), Ordes (1.203,28 euros), Betanzos (1.352.70 euros) e Mesía (1.850,36 euros).