A Asociación de Concellos do Camiño Inglés imparte o primeiro curso da Rede Stelar

1 minutes read

As instalacións do Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleron este xoves a sesión teórica do curso “Rexeduría de pisos: gobernanta, camareiros/as de pisos e técnicas de limpeza en aloxamentos”, unha iniciativa formativa gratuíta organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña que está dirixida a todos os establecementos da Rede Stelar que prestan servizo de aloxamento aos peregrinos. Trátase da primeira iniciativa organizada ao abeiro da Rede Stelar, unha rede de trinta establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino no Camiño Inglés e que foi creada en xullo de 2021.

A sesión teórica foi dirixida por Beatriz Nieto, profesional con máis de 20 anos de experiencia como gobernanta e subgobernanta de aloxamentos turísticos. Durante as cinco horas do curso impartíronse técnicas e consellos prácticos para a limpeza diaria dos cuartos e como optimizar o tempo e os recursos á hora de limpar a cama, o baño e o chan. Así mesmo, déronse a coñecer técnicas e posturas para non danar a columna e outros consellos de prevención de riscos laborais.

Por outra banda, informouse das funcións tanto da gobernanta como dos camareiros/as de pisos, facendo fincapé no obxectivo final: a mellora da calidade do servizo e atención ao peregrino/a. Finalmente, Beatriz Nieto analizou aspectos básicos de decoración e alumeado dos cuartos e das zonas comúns, así como os accesorios e produtos de limpeza para cada superficie.