A Asociación de Empresarios de Camariñas poderá seguir no Faro Vilán

1 minutes read
  • A rexedora solicitará á Autoridade Portuaria que rebaixe a taxa trimestral de 2.000 euros por ser «esaxerada»

A Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas pode seguir ocupando as dúas salas do Faro Vilán que xestionaba ata o de agora. Así o comunicou a rexedora, Sandra Ínsua, tras poñerse en contacto con Autoridade Portuaria. «Foi simplemente un problema burocrático», explica a alcaldesa, que se brinda a asumir os gastos que lle ocasione á entidade volver a levar ao faro o material retirado nos últimos días e a poñer á súa disposición, se fose necesario, a operarios municipais para realizar o traslado.

Para Ínsua, a actividade que realiza a Asociación de Empresarios no faro é «vital para Camariñas». Por este motivo solicitou unha entrevista co presidente da Autoridade Portuaria na Coruña, Martín Fernández Prado, para pedirlle que «rebaixe a taxa de 2.000 euros que cobra trimestralmente por usar as instalacións» xa que é «esaxerada para unha asociación como esta, sen ánimo de lucro, que o único que pretende é facer un ben común para a cidadanía».