- Representantes do goberno local e da asociación acudiron este luns a unha xuntanza co ente provincial para asesorarse en materia de promoción económica
O Concello e a Asociación de Hostalaría de Malpica traballan conxuntamente na dinamización do sector, un dos máis castigados pola crise sanitaria da covid-19, para reactivar a súa actividade tanto a nivel económico como formativo. A entidade, que xa conta con máis de 60 negocios asociados, poderá optar a subvencións coas que sufragar cursos formativos para os seus traballadores ou outras accións conxuntas de promoción.
Por este motivo, representantes de ambas organizacións mantiveron este luns un encontro na Deputación da Coruña con Antonio Leira, titular de Economía, Facenda e Persoal. Nunha xuntanza de carácter orientativo e de asesoramento, desde a asociación consultaron a viabilidade dunha serie de propostas coas que reactivar e potenciar a súa actividade económica.
Desde o goberno local destacan a disposición da Deputación da Coruña á hora de ofrecer asesoramento, e valoran de xeito moi positivo as sinerxias co sector hostaleiro, xa que “ambos buscan que Malpica e a súa veciñanza progrese en todos os sentidos”.