- Na actividade, que se desenvolveu este sábado, amosáronse varias dinámicas para a aprendizaxe doutras linguas na casa.
A asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain, despois do descanso estival, retomou as actividades para as crianzas na Biblioteca Rego da Balsa. Desta volta a proposta foi un obradoiro de lecto-escritura en francés, dirixido a nenas e nenos de tres a seis anos, do que puideron gozar varias familias. A actividade estivo conducida por Giovanna Pose, guía Montessori, e pola presidenta da asociación, Ana Cancela, con experiencia en preparación e implementación de ambientes Montessori no fogar.
Ao longo da hora e media que durou finalmente o obradoiro, as nais e pais presentes puideron ver – e mesmo poñer en práctica – distintas dinámicas para a aprendizaxe dunha nova lingua, tanto da lectura como da escritura, de xeito divertido para as crianzas e, por que non, tamén para os maiores.
Está previsto que se celebre outra actividade similar o vindeiro mes de outubro, o sábado 19, nesta ocasión con outro tipo de dinámicas diferentes, xa que estará dirixido a familias con nenas e nenos de entre seis e nove anos de idade.
Por outra banda, continúan as actividades habituais da asociación orientadas a adultos, como é o caso do café conversación e o club de lectura.