A Asociación de Turismo Muxía Natural aposta polo turismo sustentábel

1 minutes read

Este luns celebrouse a primeira das xornadas do Foro Turismo Covid 19 da Deputación da Coruña. No encontro, definiuse a situación provocada pola pandemia como «catastrófica» e de grande «incerteza» para o sector pero tamén se destacaron as potencialidades do territorio para a futura recuperación que residen na aposta por un turismo de calidade, seguro e de proximidade.

Coordinada polo vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a primeira das xornadas contou coa participación de responsábeis de entes de xestión e foi clausurada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso que defendeu a necesidade de colaboración e coordinación entre as administracións e os distintos ámbitos do sector para remontar a gravísima crise que suporá tamén unha gran perda de emprego e diminución de consumo que afectará tamén de maneira directa ao turismo.

Por parte da Asociación de Turismo Muxía Natural, Manuel Jesús Lema afondou na oportunidade dun turismo sustentábel, de compromiso co medio rural e as boas prácticas do que no sector galego xa se está a avanzar e apostou por unha «promoción unida e responsábel entre as administracións, técnicos de turismo empresarios cunha marca definida e concreta que chegue aos portais de venda».