A Asociación Española Contra o Cancro nomea ao seu novo Consello Provincial na Coruña

2 minutes read

Estará presidido por Javier Álvarez Barbeito, o seu nomeamento foi ratificado polo Consello Nacional o pasado 24 de marzo. Álvarez Barbeito —que ata o de agora desempeñaba o cargo de vicetesorero— releva na presidencia a Manuel Aguilar, tras cumprirse o período máximo de mandato establecido nos Estatutos da entidade, fixado en oito anos.
O novo presidente xa designou aos membros que conformarán o Consello Provincial os próximos catro anos. Este equipo, formado integramente por persoas voluntarias, garantirá a continuidade do traballo da Asociación na provincia e buscará seguir ampliando o alcance da súa actividade, co obxectivo de chegar a máis persoas con cancro e ás súas familias.
O novo Consello Provincial está formado polos seguintes membros:

  • Presidente: Javier Álvarez Barbeito
  • Vicepresidente: Alfredo Castro Moral
  • Secretaria: Emilia Morandeira Fariña
  • Tesoureira: María García Fernández
  • Vicetesoureira: Beatriz Benito Bañuelos
  • Vogal: Manuel Aguilar López
  • Vogal: Juan Miguel Concheiro Abal
  • Vogal: Isabel Estevan Serrano
  • Vogal: Angélica Figueroa Conde-Valvís
  • Vogal: María Rosario García Campelo
  • Vogal: Otilia Mourelo Barreiro
  • Vogal: María Isabel Sanesteban Pita

Durante o seu mandato, o Consello será o encargado de definir as liñas de actuación da Asociación na provincia da Coruña, co foco posto no apoio e acompañamento ás persoas con cancro e ás súas familias, a prevención e a promoción de hábitos de vida saudables, o impulso da investigación oncolóxica; e a incidencia social e política en favor das persoas con cancro.

Unha rede provincial de apoio a pacientes e familias
A Asociación Española Contra o Cancro conta na provincia da Coruña cunha ampla rede territorial que permite achegar os seus programas e servizos ás persoas con cancro e ás súas familias. Actualmente, a entidade está presente en 45 xuntas locais e conta con máis de 800 persoas voluntarias, o que lle permite ter actividade en case a metade dos concellos da provincia. Esta presenza no territorio compleméntase ademais cos servizos dixitais da Asociación, que facilitan que calquera persoa poida acceder a apoio e información especializada alí onde o necesite.
O labor da Asociación é posible tamén grazas ao respaldo de máis de 22.000 socios na provincia, cuxo apoio permite soster os distintos programas gratuítos de atención e acompañamento. En 2025, grazas ao traballo conxunto de voluntariado, socios, profesionais e entidades colaboradoras, a Asociación atendeu na provincia da Coruña a máis de 2.200 persoas a través de servizos gratuítos de atención psicolóxica, atención social, fisioterapia, logopedia e nutrición.
Ademais, a Asociación Española Contra o Cancro é a entidade social privada que máis fondos destina á investigación oncolóxica en España. Na provincia da Coruña mantén actualmente 38 proxectos de investigación activos, cun investimento superior a 5,3 millóns de euros, e só en 2025 destinou máis de 1,3 millóns de euros ao apoio de investigadoras e investigadores e novos talentos científicos.