A Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea conmemorou unha década de traballo

1 minutes read

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, asistiu á presentación do documental “10 anos de vida”, elaborado pola Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea (ASOTRAME), no seu décimo aniversario.

Desde ADOS púxose de manifesto a importancia desta asociación en particular, pero de todas as agrupacións de doentes, no labor de sensibilización social a prol do doazón, nas súas diferentes versións (órganos, sangue, medula ósea,…). 

Marisa López salientou o compromiso solidario de ASOTRAME no transcurso da última década, e sinalou que, contar coa valiosa achega desta asociación, permitiu incrementar substancialmente o volume de información que recibe a sociedade galega en torno á doazón de proxenitores hematopoxéticos, máis popularmente coñecida como doazón de medula ósea.

A directora de ADOS felicitou a ASOTRAME e a súa presidenta, Cristina Piñeiro, por estes anos de sensibilizar desde unha perspectiva diferente, a que poden ofrecer as persoas que recibiron un transplante de medula ósea e o seu entorno familiar. Este xeito de concienciación social a prol da doazón de sangue non resulta unha mera transmisión de información, xa que permite poñer cara ás persoas que se beneficiaron da solidariedade dos doantes e, deste xeito, recuperaron un bo estado de saúde.