A Asociación Vieiro sofre un novo roubo nas súas instalacións

dav

  • Os Membros da Xunta Directiva de Vieiro, mostran a súa impotencia polos feitos máis que polo subtraído.

Na mañá deste domingo membros da directiva de Vieiro atopáronse coa porta da entidade social forzada e cun novo roubo dentro da instalación. Desde a entidade considérase que o acto delituoso tivo lugar entre a noite do venres e a media mañá do domingo.

Unha vez detectado o incidente deron parte á Garda Civil de Carballo que se trasladou ao lugar para iniciar a investigación do sucedido. Da mesma forma presentaron a oportuna denuncia no cuartel. Tamén trasladaron aviso ao concelleiro de Servizos do concello de Carballo, Luís Lamas, dos feitos acontecidos e este comprometeuse a proceder á reparación dos danos por parte da brigada de obras o luns, xa que o inmoble é de titularidade municipal.

Estímase provisionalmente o subtraído por un valor de mil euros máis os danos ocasionados polo rebentón da porta principal e do sistema de portería, isto ocasiona a Vieiro un novo revés nas súas instalacións e sobre todo no estado anímico dos seus membros. Hai que lembrar que non é a primeira vez que a entidade recibe a visita dos «amigos do alleo», recentemente o 21 de agosto do ano pasado tivo lugar un novo furto nas súas instalacións.

Instalacións de Vieiro en Carballo.

Desde Vieiro lamentan unha vez máis que se atente contra intereses e instalacións dunha entidade sen ánimo de lucro que está a desenvolver unha labor social en beneficio da comunidade e todo o que se faga en contra dela vai en detrimento dos servizos que presta á sociedade en xeral e aos máis desfavorecidos en particular.

Non é tan grave a perda económica, que, si é necesaria, como o golpe moral que supoñen estes feitos. A primeira avaliación que se fai desde Vieiro en palabra do Vicepresidente da entidade Xosé María Arán, é que desde que o complexo sito na rúa Vázquez de Parga (antigas vivendas dos profesores), está desafectado e xa non viven profesores, está a pasar por unha constante deterioración nos diferentes bloques de vivendas, primeiro cando deixaron de usarse polos profesores e dependían da Xunta de Galicia e agora que son propiedade do concello de Carballo, estando estas en semirruinoso e á vez con ocupas e persoas que as frecuentan para facer actos de vandalismo, como ocorreu o ano pasado co incendio dunha vivenda dun dos bloques.

Arán manifesta que Vieiro ten que exporse a curto prazo o abandono da súa sede, xa que estes feitos sumados coa degradación da contorna están a dar unha imaxe negativa da entidade aos usuarios que alí acoden, desde hai unha tempada aparecen os letreiros da entidade raiados, lixo, restos de cabichas…. o que foi no seu día un lugar discreto e perfecto para os servizos de Vieiro estase a converter en todo o contrario.
Arán manifesta que os servizos que desenvolve Vieiro, tanto pola súa calidade como polas súas valoracións, non poden correr o risco que se cuestionen pola localización e estado das súas instalacións.


Vieiro pretende ter unha reunión co Alcalde, a concelleira de Servizos Sociais e o concelleiro de Servizos e Obras, para analizar esta realidade e dar unha solución a esta problemática no menor tempo posible, xa que a medio prazo terá que abandonar a localización actual unha vez se concrete e proceda á construción do novo edificio de servizos sociais para entidades que se construirá no mesmo cerco tras ser demolidos os edificios actuais.