A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña ratifica a titularidade pública do pazo de Meirás, tal e como decretara o Xulgado de Primeira Instancia número 1 o pasado mes de setembro. O tribunal sostén que o inmoble nunca estivo a nome de Francisco Franco porque a doazón de 1938 que consta nun pergamiño «non é un título hábil para recoñecer a transmisión». Tamén declara nula a escritura de compravenda de 1941 pola que supostamente lle venderan o pazo ao ditador.
Na sentenza, que responde ao recurso de apelación presentado pola familia Franco, condena os herdeiros a desaloxar as propiedades e ordena a cancelación das inscricións rexistrais sobre os predios. Porén, recoñece o seu dereito a seren resarcidos nos gastos en que incorreron dende 1975, tras a morte do ditador, para conservar o edificio.
Os xuíces descartan «mala fe» na posesión por parte dos demandados. Consideran que nunca foron requiridos pola Administración para entregar o pazo e que «levan máis de catro décadas utilizándoo de xeito público, pacífico, ininterrompido e en concepto de donos».