A Audiencia declara nulas as escóitas da Operación Orquestra


A Operación Orquestra que chegou a afectar a varios concellos da Costa da Morte a punto está de esfumarse. A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acordou declarar a nulidade das intervencións telefónicas da peza relacionada co Concello de Cee que chegou a xuízo o día 12. As defensas do alcalde, Ramón Vigo, un concelleiro, dous empresarios, un arquitecto e un axente de orquestras solicitaron o martes nas cuestións previas expostas na vista que se invalidasen como proba as escoitas por vulnerar os “dereitos fundamentais”. Baseándose fundamentalmente nestas gravacións que comezaron tirando do fío do axente de orquestras e logo foron crecendo, a fiscalía pedía 20 anos de prisión para o rexedor no seu escrito de cualificación provisional, pero agora a Audiencia dá a razón aos acusados por un defecto na formación da peza separada. Ante esa reclamación presentada o martes, o tribunal suspendeu o xuízo e este venres, a través dun auto, declarou nulas tanto as intervencións como as súas prórrogas.

En consecuencia, a Audiencia tamén declara nulos, por “conexión de antixuridicidade”, todos os rexistros practicados. “Tendo en conta que as intervencións telefónicas que sucesivamente se foron acordando foron a fonte de información que á súa vez determinou os autos de entrada e rexistro domiciliarios, estes han de declararse igualmente nulos por conexión de antixuridicidade coa proba ilicitamente practicada”, explica no auto o tribunal coruñés. Contra a resolución non cabe recurso e só se pode impugnar de forma conxunta coa sentenza que acabe ditándose.