O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, reuniuse este xoves con representantes da Consellería de Sanidade e de Augas de Galicia, ademais dos técnicos municipais, para avaliar o estado actual da rede de auga municipal. Nas mostras extraídas por Sanidade os parámetros xa son correctos, pero o nivel de cloro non é suficiente, polo que se repetirán en breve. O Concello de Malpica informa que está a traballar nun Plan de Acción con diferentes melloras na ETAP para evitar que este tipo de incidencias volvan a suceder.
No encontro, celebrado en Santiago, participou, ademais do rexedor, a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez; a directora xeral de Sanidade Pública, Carmén Durán; o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera; o xefe de sección Ambiental, Francisco Malvido; o xefe de servizo, Álvarez Cortiñas; e os técnicos municipais encargados do control de calidade do servizo de auga de Malpica.
O obxectivo desta reunión era coñecer o estado actual situación da rede de auga municipal, tras decretarse o pasado sábado que non era apta para o consumo por detectarse valores de trihalometanos máis altos do recomendable.
Plan de Acción do Concello de Malpica
Para evitar que volvan a ocorrer este tipo de situacións, no encontro estudáronse diferentes actuacións que incluirá o Concello de Malpica no Plan de Acción no que xa está a traballar. Inclúen melloras na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP): cambiar o areeiro para mellorar a filtración, substituír o equipo de cloración, facer limpezas máis frecuentes dos depósitos e, a longo prazo, reformar o decantador ou construír un máis grande a maiores.