A aula CeMIT de Carballo, candidata a aula de referencia do ano 2026 en Galicia

A aula CeMIT de Carballo vén de ser proposta como candidata a aula de referencia do 2026 en Galicia por parte da Comisión de Seguimento Extraordinaria do Convenio de Colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a xestión do Plan de reforma e ampliación da rede de aulas CeMIT cara a plena capacitación dixital da sociedade galega 2022-2025.

Este nomeamento supón “un recoñecemento ao traballo realizado. A aula CEMIT de Carballo leva anos ofrecendo formación dixital de calidade, adaptada ás necesidades reais da veciñanza. Optar a aula de referencia supón poñer en valor ese esforzo continuado e o bo facer do equipo formador”, destacou o alcalde, Daniel Pérez.

Este mércores visitou a aula CeMIT acompañado polo concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Axenda Urbana e Fondos Europeos, Iván Andrade, e pola técnica responsable da aula, Milagros Antelo.

Visita á Escola de informática para maiores de 60

A visita coincidiu cunha das clases da Escola de informática para maiores de 60 anos, na que participan 40 persoas divididas en dous grupos, un de iniciación e outro de nivel intermedio. Tanto o alcalde coma o concelleiro animaron ás persoas participantes a aproveitar a oportunidade de mellorar a súa formación tecnolóxica, cada vez máis importante. Nese sentido, a aula CeMIT é “un espazo clave de innovación, formación e cohesión social”, destacou Daniel Pérez.

Iván Andrade, pola súa banda, explicou que, ademais do recoñecemento que supón, o nomeamento como aula de referencia do ano 2026 supón “un impulso á inclusión dixital, xa que como aula de referencia podería reforzar o seu papel na loita contra a fenda dixital, chegando a máis persoas maiores, desempregadas, mocidade ou colectivos con especiais dificultades de acceso ás tecnoloxías”, ao tempo que facilita a incorporación de “novos recursos, metodoloxías e proxectos piloto, situando Carballo á vangarda da formación tecnolóxica municipal en Galicia”.

Milagros Antelo engadiu como aspecto destacable o impacto directo que pode ter no desenvolvemento local, xa que unha aula de referencia “contribúe á mellora da empregabilidade, ao emprendemento dixital e á capacitación da cidadanía, factores clave para o desenvolvemento económico e social do municipio”.

O nomeamento da aula CeMIT é a consecuencia do intenso traballo que se vén desenvolvendo na instalación, situada no Pazo da Cultura e xestionada pola Concellaría de Innovación. Ademais da escola de informática, nos últimos anos

organizamos campamentos dixitais para rapazada, obradoiros de impresión 3D, e diferentes cursos dirixidos a empresas e autónomos/as, maiores, mocidade e infancia.

Related posts

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse este mércores co alcalde de Laxe

O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo convoca o IV Concurso de Solistas

A Garda Civil detén a un veciño de Dumbría como presunto autor dun delito de furto de cable en Santa Comba