O cociñeiro e propietario do restaurante La Taberna de Miga da Coruña, Adrián Felípez, encargouse de impartir a ‘masterclass’ enmarcada no proxecto Aula Gastronómica Galicia Calidade co que a Xunta de Galicia pretende dar a coñecer os proxectos e produtos avalados pola marca entre os futuros profesionais da restauración galega. Nesta ocasión, foi o alumnado do IES Fraga do Eume de Pontedeume o que asistiu á elaboración dun menú de Adrián Felípez.
Durante a presentación da iniciativa, na que tamén colabora a Fundación Artesanía de Galicia achegando unha vaixela para o uso durante os talleres, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou a excelente acollida que está tendo a acción entre os diferentes centros nos que se está a realizar esta acción de promoción, así como “o interese que amosan os alumnos e alumnas por coñecer os produtos de marca Galicia Calidade”.
Nesta ocasión, Adrián Felípez realizou unha proposta gastronómica composta por berberechos de Noia, gazpachuelo de Junquillo, codium e aire de eucalipto; sardiñas, bora e pementos de Herbón; pescada de Celeiro ao seu pilpil con espárragos de mar e de terra e prensado de cacheira, crema de cocido e grelos. Os alumnos que participaron na ‘masterclass’ están a cursar 1º do ciclo superior de Dirección de Cociña.