A aula lúdica da Laracha conta con 60 usuarios este verán

2 minutes read

O servizo de aula lúdica que o Concello ofrece durante o verán para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos de entre 3 e 12 anos está a funcionar desde o pasado día 1 de xullo.

Este ano, debido á situación sanitaria, foi preciso limitar as prazas dispoñibles e requirir aos usuarios a xustificación da necesidade do servizo. Foron cubertas a totalidade das sesenta matrículas ofertadas e a media diaria de asistentes é duns cincuenta nenos.

O servizo, que é gratuíto para os beneficiarios, préstase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, tempo durante o que os rapaces realizan diversas actividades deportivas, culturais, educativas e recreativas adaptadas ás súas idades. Durante o verán empréganse as instalacións do CEIP Otero Pedrayo, que ofrecen unha maior comodidade ao dispoñer de máis amplitude.

Tal e como establece o protocolo de seguridade elaborado polo Concello, os nenos están repartidos en catro grupos dun máximo de quince usuarios. Cada grupo  ten o seu monitor, un espazo diferenciado e non se relaciona cos outros tres durante toda a xornada. O Concello tamén reforzou as medidas hixiénicas, realizándose a desinfección diaria das instalacións e poñendo a disposición dos usuarios e monitores xel hidroalcohólico.

MADRUGADORES

Paralelamente, o Concello tamén está a traballar na preparación de Madrugadores que se porá en marcha co inicio do curso escolar. Trátase do servizo de axuda á conciliación que permite levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.

Unha vez rematado o prazo de matrícula, a previsión é contar con preto de cen usuarios, dos cales máis de setenta serían alumnos do CEIP Otero Pedrayo e en torno a 22, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco.