A aula lúdica da Laracha conta con preto de cen usuarios


O servizo, que é gratuíto para os beneficiarios, préstase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, tempo durante o que os nenos realizan diversas actividades deportivas, culturais, educativas e recreativas adaptadas ás súas idades. Durante o verán empréganse as instalacións do CEIP Otero Pedrayo que ofrecen unha maior comodidade ao dispoñer de máis amplitude que na aula do edificio de servizos múltiples que se utiliza durante o curso escolar.

Tal e como establece o protocolo de seguridade elaborado polo Concello, os nenos están repartidos en seis grupos, contando cada un co seu monitor, un espazo diferenciado e sen relacionarse cos outros cinco grupos durante toda a xornada.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López realizaron unha visita ao CEIP Otero Pedrayo para interesarse polo funcionamento deste servizo municipal.