A dramaturga Paula Carballeira Cabana (A Coruña, 1972) foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, que concede o Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas, dotado con 30.000 euros.
O xurado, reunido este venres, destacou a obra da autora galega «por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República».
Homenaxe aos mestres e á escola laica
Así mesmo, o xurado quixo poñer en valor como «a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada».