A AXEGA leva a centros escolares o seu programa de divulgación para o bo uso do número 112


A Axencia Galega de Emerxencias leva a un cento de centros escolares o seu programa de divulgación sobre o uso responsable do número único europeo 112. Para esta acción, a AXEGA volverá contar coa colaboración dos personaxes do Bolechas co fin de achegar ao público infantil a información necesaria para realizar unha chamada ao 112 de forma correcta e eficaz.

Así, durante o mes de outubro, máis dun cento de centros educativos recibirán a visita dos Bolechas, que, a través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, explicarán á cativada en que contextos deben realizar unha chamada ao 112 e os datos que teñen que facilitar aos xestores de emerxencias para alcanzar a resposta axeitada en cada caso.

Para iso, é fundamental que os nenos e as nenas coñezan desde as primeiras idades como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE112 Galicia), onde se reciben e xestionan todas as chamadas de emerxencias que se producen na Comunidade autónoma galega. Precisamente isto será o que poidan observar no só a través das representacións teatrais, senón tamén coa emisión dun vídeo dun dos personaxes, Braulio, que visitou o CIAE112 Galicia, na Estrada, para obter de primeira man unha ampla visión sobre o funcionamento dos sistema de atención e xestión telefónica de emerxencias en Galicia.

Tras a proxección do vídeo de Braulio, os alumnos e alumnas participarán nun obradoiro co que afondarán a asentarán os coñecementos adquiridos, así como aclararán as posibles dúbidas que tiveran xurdido durante toda a actividade.