A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) difunde entre os centros de Educación Secundaria Obrigatoria material lúdico-didáctico para promover a cultura da prevención entre a mocidade.
Esta oferta, que chegará aos centros de maneira telemática, inclúe un xogo en liña, que permanecerá aloxado na páxina web da AXEGA, e cuxo obxectivo é formar e sensibilizar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da auto protección.
Ademais, este xogo dispón dunha clasificación final cos centros que tiveran acadado a maior puntuación ao responder correctamente a todas as preguntas que se formulan.
Para iso, contarán con material audiovisual e informativo de apoio, co que poderán traballar na aula, ao tempo que amplían os seus coñecementos sobre o número único de atención ás emerxencias 112 e aprenden a protexerse ante situacións de risco tales como incendios forestais, inundacións e accidentes no fogar.
Calquera centro que o desexe poderá participar nesta actividade, con especial atención a aqueles situados en zonas fronteirizas con Castela y León e Portugal, pois existe un apartado destacado para o coñecemento do protocolo de resposta e cooperación transfronteiriza en caso de emerxencias graves ou catástrofes, que é o ARIEM+.