A Axencia de Seguridade Alimentaria aconsella non chupar as cabezas das gambas por saúde

PIXABAY

  • Estes crustáceos teñen un alto contido en cadmio que, consumido en grandes cantidades, é prexudicial para a saúde

Sen dúbida o marisco é un dos pratos estrela en moitas mesas españolas durante as comidas de Nadal, e o lagostino e a gamba son dous dos crustáceos que non adoitan faltar. Pero a Axencia Española de Seguridade Alimentaria (Aecosan) recomendou limitar a súa inxesta polos seus elevados niveis de cadmio.

“O cadmio é un tóxico que se acumula nos riles e pode ocasionar toda unha serie de problemas que pode chegar á osteoporose, por exemplo”, explicou á TVE o presidente da Fundación Alimentación Saudable, Jesús Román, quen recalcou que é importante que o consumo das cabezas destes crustáceos sexa ocasional e en cantidades moderadas.

Nunha nota publicada por Aecosan sinálase que “este metal non ten ningunha función biolóxica en humanos nin en animais” e que aínda que “a súa absorción no aparello dixestivo é baixa, tende a acumularse no organismo, principalmente no fígado e ril, durante un tempo estimado de 10 a 30 anos”.

Entre os problemas que pode provocar o cadmio atópanse a disfunción renal, a desmineralización dos ósos e, despois dunha exposición prolongada, unha diminución da taxa de filtrado que pode chegar a provocar un fallo renal e, a longo prazo, cancro.