A pandemia de COVID-19 non acabou. Deixouno claro a Axencia Europea de Medicamentos (EMA) que este mércores anunciou unha nova onda para as próximas semanas con subvariantes de ómicron. Marco Cavaleri, xefe de estratexia de vacinación da EMA, advertiu nunha rolda de prensa que ómicron segue mutando, e unhas subvariantes son máis preocupantes que outras. Advirte que xa se está producindo un incremento xeral de casos, de hospitalizacións de maiores de 65 anos e da cifra de falecementos en Europa. Subliña que as mutacións son máis rápidas que a actualización das vacinas, que só debería realizarse cando a diferenza entre as cepas e a fórmula a inocular sexa maior. O organismo recomenda recibir a vacina da gripe xunto á da COVID, sobre todo a membros de grupos de risco.