A Axencia Tributaria abriu este martes o prazo para confirmar ou modificar e presentar por internet a declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a 2022 (IRPF 2022) e, como é habitual, as devolucións iniciaranse en apenas 48 horas, o vindeiro xoves.
As principais novidades desta campaña son a incorporación do ‘Asistente virtual de Renda’, que complementará o actual ‘Informador’ de Renda para a resolución das principais dúbidas dos contribuíntes á hora de confeccionar a súa declaración, e a posta en marcha de toda unha serie de melloras en ‘Renda Web’ para facer máis cómoda e áxil a navegación.
Está previsto que na campaña que agora comeza se presenten 22.899.000 declaracións, un 3,4% máis que o ano anterior. Dese total, espérase que 13.600.000 dean dereito a devolución, un 60% do total, por un importe estimado de 9.946 millóns de euros. Os contribuíntes que conten con declaracións a ingresar (prevense 7.649.000, por importe de 16.448 millóns), do mesmo xeito que todos os anos non realizarán os primeiros pagos ata o final da campaña.
O prazo de presentación finalizará o 30 de xuño para declaracións tanto a ingresar como a devolver, aínda que o prazo nas declaracións para ingresar con domiciliación bancaria concluirá o 27 de xuño. A atención telefónica para a confección e presentación de declaracións (plan ‘Chamámoslle’) comeza o 5 de maio, con solicitude de cita a partir do 3 de maio, e a atención presencial en oficinas iníciase o 1 de xuño, con solicitude de cita a partir do 25 de maio. A atención personalizada, por teléfono e en oficinas, seguirá contando co apoio de CCAA e concellos.