A Axencia Tributaria de Galicia reforzará os canais de información e asistencia aos contribuíntes


A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) reforzará os canais de información e asistencia aos contribuíntes e mellorará as formas de pago a disposición dos cidadáns. A ATRIGA ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2021, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas por este organismo desde a súa posta en marcha en 2013.

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2021 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado. En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos que alcanzar.

Como novidade no eido do control, o plan deste ano inclúe novos apartados no ámbito de información e asistencia. Neste marco, a ATRIGA vai redeseñar o seu portal web para facelo máis sinxelo e intuitivo para os cidadáns e mellorar así, a súa operatividade. Ademais, tamén iniciará os trámites para crear un centro de atención virtual que se dedicará exclusivamente á atención e asistencia dos contribuíntes por medios electrónicos ou telefónicos e que se sumará ás oficinas tradicionais de atención presencial.

Por outra banda, a ATRIGA seguirá potenciando a administración electrónica, e continuará avanzando na universalización do pago online con tarxeta, a coñecida como TPV virtual; e no pago mediante domiciliación bancaria.

A Axencia Tributaria de Galicia universalizou o ano pasado a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias. Agora, este sistema, tamén se implantará de xeito presencial nas cinco delegacións territoriais da ATRIGA.