A Xunta trasladou este mércores aos concellos que se abastecen do Tambre e dos ríos que desembocan na ría de Muros-Noia a necesidade de intensificar a contención e o aforro no consumo da auga para garantir o abastecemento á poboación ante a situación de “prealerta por escaseza” declarada a finais da pasada semana pola Oficina Técnica da Seca nesta conca.
O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo esta mañá un encontro telemático con representantes dos 21 municipios dependentes deste sistema de explotación para abordar conxuntamente as medidas que deben adoptar os municipios afectados, fixadas no Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o estado de “prealerta por escaseza” de auga.
Dende Augas se fixo fincapé na necesidade de conter o máximo posible os consumos municipais prescindibles e os concellos aos que afecta son, concretamente, os de Santiago de Compostela, Ames, A Baña, Brión, Cerceda, Frades, Lousame, Mesía, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Ordes, Oroso, Outes, Porto do Son, Rois, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.
Gonzalo Mosqueira informou da situación dos caudais circulantes rexistrados actualmente na conca do río Tambre. Na estación de aforo de referencia situada no Tambre rexistráronse valores de 3.61 m3/s en promedio durante o último mes, mentres que a media histórica se sitúa en 4.5m3/s. É dicir un 20% inferiores.
Na reunión tamén se fixo incidencia na necesidade de que todos os concellos remitan información periódica sobre os seus datos de consumo, para poder analizar a evolución dos mesmos e comparala coa dos caudais dos propios ríos, co obxectivo de realizar a mellor xestión dos recursos dispoñibles.