O Concello da Baña aprobou este mércores definitivamente en Pleno extraordinario a Conta Xeral de 2018, que será remitida ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas dentro do prazo legalmente establecido. Tamén aprobou un total de 380.000 euros para un suplemento de crédito e un crédito extraordinario que se destinarán para pagar a diferentes provedores e para afrontar a parte que lle corresponde ao Concello como aportación ao medio millón de euros concedido polo IDAE para a substitución de alumeado público en todo o municipio.
A Conta Xeral de 2018 foi aprobada por unanimidade de forma definitiva. Cun remanente positivo de tesourería de 803.950 euros, o documento será remitido ao Tribunal e ao Consello de Contas antes do 15 de outubro, prazo establecido para que o Concello poida optar a subvencións o vindeiro ano.
Tamén por unanimidade aprobouse un crédito extraordinario de 125.000 euros. Desta cantidade, 100.000 euros destinaranse a pagar a parte que lle corresponde ao Concello para executar a subvención de medio millón de euros concedido polo IDAE (do Ministerio para a Transición Enerxética) coa finalidade de mellorar o alumeado público no municipio con luminarias LED. Estas obras teñen que estar contratadas antes do mes de febreiro. Cos 25.000 euros restantes o Concello pagará os incremento dos orzamentos para executar obras en Vilar da T orre e Vilar de Suso, no camiño de Outeiro, en Marcelle, nunha pavimentación en Ceilán e na humanización da rúa Castiñeira.
Cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE) e do PP, e a abstención de Compromiso por Galicia, aprobouse un suplemento de crédito de 255.000 euros que se destinarán a pagar facturas de provedores dos departamentos de servizos sociais, educación, festas e promoción do deporte.
Desta partida, 140.000 euros destinaranse a incrementar o orzamento de asistencia social primaria, para pagar servizos de dependencia, comedor, ou de libre concorrencia, ao considerar insuficientes os 70.000 euros asignados no orzamento municipal (o Concello traballa cus presupostos prorrogados de 2017).
Outros 58.000 euros vanse destinar a pagar as facturas de transporte do alumnado da Baña ata o IES Terra de Xallas de Santa Comba dos anos 2017 e 2018. Para pagar facturas da festas dos maiores dos anos 2016 e 2017 destinaranse 27.000 euros, e outros 30.000 para actividades de promoción e fomento do deporte.
