A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Baña, José Andrés García, mantiveron unha reunión de traballo onde ambos abordaron diversos asuntos de interese municipal.
Neste sentido, o rexedor trasladou que o Concello da Baña presentou dous proxectos —por un importe global de preto de 24.000 euros que suporá o 50% do seu custo estimado— á orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, convocada pola Consellería o pasado mes de decembro cun orzamento de 13,5 millóns de eurios.
En concreto, explicou que unha das actuacións propostas polo Goberno local enmárcase na liña reservada a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos e inclúe a adquisición dunha biotrituradora para tratar os restos de podas e limpezas vexetais, bolsas compostables e caldeiros específicos, de uso individual e para grandes produtores, ademais dunha campaña de divulgación.
A segunda iniciativa, explicou, ten como obxectivo a separación e a reciclaxe en orixe da fracción orgánica mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria. A tal fin, a solicitude inclúe actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto, a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios así como a construción de áreas destinadas a albergar estas instalacións.