- Os tres alcaldes piden unha reunión con Feijóo para que se poña á fronte das reivindicacións «en defensa dos galegos»
José Antonio Pereira, alcalde da Baña; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; e Manuel Muíño, alcalde de Zas, anunciaron este venres que actuarán de forma conxunta para evitar o peche de oficinas que Abanca ten previsto facer nos tres municipios o vindeiro mes de setembro, e que afecta directamente a dez mil persoas destes concellos e doutros limítrofes. «Imos esgotar todas as posibilidades na nosa man para lograr que reconsideren esta decisión», subliñou Muíño, que actuou como voceiro na rolda de prensa que os tres rexedores ofreceron este venres en Zas. As medidas inclúen mobilizacións e tamén estudarán se poden emprender accións legais.
A primeira medida é concertar unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que «nos axude e se poña á fronte das reivindicacións», posto que os tres alcaldes cren que o Goberno galego é o único con capacidade para «falar de ti a ti coa entidade financeira». Tamén destacou que Feijóo é «o presidente de todos os galegos, polo que debe atender a petición de defender aos nosos veciños». Por outra banda tamén sinalou que este ten unha «responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns».
Outro dos acordos adoptados polos alcaldes implica manter unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, coa idea de convocar unha asemblea de concellos destinada a analizar a estratexia de concentración de oficinas que está levando Abanca, o que implica o abandono dos núcleos rurais.
O alcalde de Zas tamén adiantou que intentarán establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento autonómico, aos que lles pedirán «desenvolver as iniciativas políticas necesarias». Na rolda de conversas, contemplan así mesmo reunirse con responsables de Abanca «sempre que teñan capacidade de decisión». En canto ás mobilizacións, xa iniciadas coa recollida de sinaturas nos tres concellos, Manuel Muíño anunciou que «desembocarán nunha manifestación ante a propia sede de Abanca».
Estratexia para incrementar beneficios
Os tres rexedores dos municipios afectados polo próximo peche de sucursais no rural inciden en que a decisión de Abanca «obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias», e lembrou que a entidade gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo periodo de 2020.
«É un atentado contra o rural», manifestou pola súa parte o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio, ocasionando un problema tanto a veciños como a comerciantes.
Mónica Rodríguez, pola súa parte, mostrouse molesta coa actuación de Abanca xa que tampouco comunicou a súa decisión, senón que foron «os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche». «Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías», sentenciou.
En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra), San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).