A Banda Municipal de Música de Compostela inicia o segundo ciclo de “SonArte”


SonArte é o título da tempada 2022-2023 de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que arrancou o pasado mes de outubro e que continuará este ano, coincidindo co 175 aniversario da súa fundación. En total, a BMSC ofrecerá ata o próximo mes de maio un ciclo de 27 concertos nos que a música se relaciona con outras disciplinas artísticas e que neste mes de xaneiro estará dedicado ao teatro.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da BMSC, David Fiuza, presentaron este mércores a programación do segundo ciclo do programa ‘SonArte’ que arrancou o pasado mes de outubro, e co que a Banda pretende conectar a música con outras artes, dedicando cada mes da tempada a unha disciplina diferente: outubro á música, novembro ao cine, decembro á arquitectura, xaneiro ao teatro, febreiro á danza, marzo á pintura, abril á literatura, e maio á escultura.

Este venres, 6 de xaneiro, inaugurarase este segundo ciclo, cun concerto que responde ao título de “Escenas Caucásicas” e que contará coa participación de Esteban Batallán, trompeta solista de Chicago Symphony Orchestra. Na programación do mes de xaneiro, tamén destaca a representación da zarzuela “A lenda de Montelongo”, un dos poucos títulos con libreto e texto en galego, con música de Bernardo del Río, antiguo director da BMSC. O mes de xaneiro pecharase cun musical producido por A Cova das Letras, con música de Manuel Otero Paino, trompetista da Banda, baixo o título “A familia Brañas”.

As entradas para os concertos poderán adquirirse na páxina web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C na praza de Cervantes, ou unha hora antes no Teatro Principal ou no Auditorio de Galicia.