A Bandeira Azul xa ondea na praia de Caión


Desde este venres na praia de Caión volve ondear a Bandeira Azul despois de que unha ampla representación do goberno local -encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela- realizase o primeiro izado xunto aos membros do equipo de salvamento e socorrismo.

A Bandeira Azul é o distintivo que outorga a Fundación Europea de Educación Ambiental para recoñecer a calidade dos areais e das augas, así como o cumprimento dunha serie de normas relacionadas coa seguridade, respecto medioambiental, accesibilidade e servizos xerais, entre outras cuestións.

Tamén conserva o distintivo de Sendeiro Azul o tramo do paseo marítimo que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, preto do límite co termo municipal de Carballo.

Ademais, o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar repite distintivo de centro azul en recoñecemento ao labor de educación ambiental.