- Durante o tempo que dure o estado de alarma permitirá o acceso libre a máis de 4.000 recursos e ás actividades do Club de lectura virtual.
A Biblioteca da Deputación da Coruña intensifica o seu servizo virtual co fin de responder á situación de confinamento producida polo estado de alarma. Deste xeito, libera a descarga do seu catálogo dixital de máis de 4.000 recursos de uso gratuíto e tamén á participación nas actividades do Club de lectura virtual.
A pesar de que a súa sede física na rúa Rego de Auga da Coruña estea pechada polas medidas recollidas no estado de alarma, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña continúa en activo, intensificando aínda máis o seu servizo dixital, tanto en préstamo de títulos e outros recursos como na participación no Club de lectura virtual.
Como medida excepcional, e mentres dure o estado de alarma, calquera persoa de toda Galicia poderá acceder ao catálogo virtual da biblioteca, composto por máis de 4.000 rexistros, para o que é preciso darse de alta enviando unha solicitude cuberta ao enderezo biblioteca.info@dacoruna.gal.
Desde os servizos da Biblioteca habilitarase o acceso ao catálogo virtual e tamén ás actividades do Club de lectura que se desenvolve a través da rede. De maneira singular, a Biblioteca abre así o seu catálogo virtual a persoas non socias do servizo aínda que indica que, despois de levantado o estado de alarma quen queira seguir utilizando o fondo dixital e participando nas actividades terán que formalizar a situación.