O Concello de Brión informa de que a biblioteca pública municipal pechará as súas portas do 25 de outubro ao 9 de novembro debido á execución dunha obra de mellora nas súas instalacións. Unha actuación que conta cunha achega de 27.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que permitirá dotar á biblioteca brionesa dun novo aseo accesible a todos os públicos, a mellora das condicións de illamento da cuberta e a mellora da accesibilidade ao local a través da eliminación dun chanzo na entrada.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “son unhas actuacións que suporán unha notable mellora na accesibilidade e nas instalacións da biblioteca municipal e que non puideron programarse durante o verán, ao estar pendentes dunha autorización de Patrimonio. Agardamos que os traballos se fagan coa maior dilixencia posible e pedimos desculpas a todas as persoas usuarias polas molestias”.