A Xunta dará resposta á petición realizada pola Real Academia Galega (RAG) e iniciará de xeito urxente o procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, unha valiosa colección que inclúe tanto os máis de 7.000 fondos que xa custodia a RAG na biblioteca e arquivo da súa sede da Coruña, como os arredor de 3.000 volumes situados no Pazo de Meirás.
Así se acordou durante a reunión que mantivo Feijóo co presidente da RAG, Víctor Freixanes, á que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e o académico Xosé Henrique Monteagudo. Con esta decisión, a Xunta considera no seu conxunto todos os fondos da biblioteca que a día de hoxe están distribuídos en varios emprazamentos e blindará xa de xeito provisional a protección xurídica desta colección ao acadar o máximo nivel de tutela previsto na lexislación vixente. Trátase dun procedemento fundamental para garantir, ademais, a divulgación deste legado ás xeracións futuras e para que sexa accesible ao conxunto da cidadanía.