Desde a súa creación, a Biblioteca foi pioneira por poñer ao servizo dos usuarios a tecnoloxía máis novidosa no ámbito bibliotecario. Non en balde, foi unha das primeiras bibliotecas de España en prestar o servizo de autopréstamo e participou nos programas Tic-Tac e Biblioteca accesible, a través dos que obtivo 10 netbooks de uso público, equipamento informático e periféricos adaptados para que toda persoa con calquera tipo de discapacidade poida acceder aos recursos da Ánxel Casal en igualdade de condicións. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou as actividades de conmemoración do 15º aniversario da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, tempo no que, como explicou, se consolidou “como un referente entre os servizos culturais da cidade” e un espazo “aberto e plural” que atende as demandas de información, cultura e lecer da cidadanía, “ao tempo que ofrece recursos culturais, informativos e tecnolóxicos de calidade”. Acompañado polo director da biblioteca, Jesús Torres, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou que unha das principais actividades para conmemorar esta efeméride será o espectáculo musical As historias de Bemol Pequeno da man de Música miúda, dirixido a un público familiar.
0