- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que é socio o Concello de Carballo, financiou a iniciativa da ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz
A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e mais o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o Concello de Carballo forma parte, facilitáronlles o abastecemento de auga aos 1.824 habitantes da localidade de Carantaba, no norte de Guinea-Bissau. O proxecto incorporaba un obradoiro de introdución á fotografía para as veciñas cuxo resultado pode verse na exposición ‘Mindjer di Guiné’, que se amosará na biblioteca Rego da Balsa ata o 29 de novembro, mes en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O horario de apertura é de luns a venres de 10.30 a 20.30 horas e os sábados ata as 13 horas.
A mostra reúne vinte instantáneas realizadas polas dezaseis participantes na formación, impartida polo fotoxornalista Sylvain Cherkaoui. As imaxes poñen en valor a interpretación que elas fan do mundo, da súa comunidade e da cooperación internacional. Cámara en man, as autoras captaron desde situacións cotiás ata a repercusión que os proxectos de desenvolvemento teñen nas súas vidas. Deste xeito, as fotografías permiten empatizar coa realidade do país lusófono desde o punto de vista da súa poboación, que loita por seguir avanzando en condicións moitas veces pouco favorables.
A través da súa convocatoria de axudas para ONGD, o Fondo Galego achegou 50.000 euros ao proxecto formulado por ACPP, que permitiu garantir o dereito humano á auga da poboación de Carantaba mediante a rehabilitación dun pozo con sistema de bombeo electrosolar, a construción de dous depósitos de altura e a instalación dunha rede de distribución cuns 1.000 metros de canalizacións. Ademais, dispuxéronse catro fontes públicas e dúas tomas domiciliarias, unha na escola e outra na residencia do profesorado.
A actuación levou aparellada unha campaña de sensibilización sobre prácticas hixiénicas que se estendeu non só á localidade de Carantaba, senón tamén ás comunidades de Santa Curtiba e Santa Nie, chegando a preto de 3.000 persoas.