A Biblioteca Rego da Balsa rematou o ano 2019 con 5.000 usuarios

Contrato biblioteca_Cedida

  • O alcalde, Evencio Ferrero, asinou o novo contrato de xestión para os vindeiros tres anos coa empresa LTM Servicios Bibliotecarios S. L.

A Biblioteca Rego da Balsa en Carballo rematou o seu quinto ano de vida con 5.118 usuarios, dos cales 1.984 son activos, o que sitúa á Biblioteca como unha das primeiras neste ámbito en Galicia. O número de préstamos tamén segue aumentando: no ano 2019 foron 21.255, aos que habería que engadir 112 préstamos de literatura francesa da Asociación de Irmanamento con L’Isle Jourdain.

As persoas usuarias deste centro poden desfrutar de libros, cómics, discos, videoxogos, xornais, revistas, películas e tamén de numerosas actividades de promoción cultural.

Para seguir potenciando este servizo, o alcalde, Evencio Ferrero, vén de asinar o contrato de xestión dos servizos bibliotecarios municipais para os próximos tres anos, nun acto no que tamén estivo presente o concelleiro delegado da área, Marcos Trigo. No concurso público convocado polo Concello de Carballo resultou adxudicataria a empresa LTM Servicios Bibliotecarios S. L. cun orzamento anual de 101.640 euros.