A Big Band abriu en Carballo os concertos conmemorativos do 30º aniversario do CMUS

Concello de Carballo.

O alumnado de Javier Bardanca, ao que se sumaron algúns/as colaboradores/as, interpretou un repertorio moi variado e animado, que incluíu clásicos do xénero como “Oye como va”, bandas sonoras como “Star Wars” ou “Pink Panther” ou auténticos himnos como “Imagine”. E ademais houbo actuacións sorpresas, como a interpretación de “Habana” que fixo Inés Bardanca por partida dobre, porque volveu a cantala nos bises, ou a de “Purple Rain” que nos ofreceu Samuel Quiroga, que, ademais de tocar o piano, púxolle voz (vozarrón) ao coñecido tema de Prince.

Entre o entregadísimo público, formado na súa maioría por familiares e compañeiros/as dos/as músicos/as, tamén se atopaba o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que procura non perderse as actuacións das agrupacións do CMUS.

Esta foi a primeira de moitas que se sucederán ao longo de todo o curso. este mércores arrincou en Sofán un ciclo de concertos do alumnado do Conservatorio nos centros sociais das parroquias. Ata Sofán desprazáronse un grupo de alumnos/as de saxo e clarinete para ofrecer un concerto.

A seguinte parada será o 12 de febreiro, ás 20:00 horas, en Verdillo, nesta ocasión con viola e violín. En Ardaña, o 1 de abril, actuarán estudantes de guitarra, neste caso ás 18.00 horas. Abril será un mes de moita actividade, xa que o día 3 a Banda estará no centro social de Cances ás 20.00 horas, e o 23 á mesma hora haberá unha actuación e violoncello e acordeón en Imende. Ata Oza desprazaranse o 12 de maio ás 18.00 horas, alumnos e alumnas de percusión, frauta, piano e iniciación musical. Falta por fixar a data do concerto de Bértoa, que coincidirá coa inauguración do novo centro social.