A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo empezou a funcionar en novembro do ano 2012 “como resposta ao grave problema de desemprego que existía naquel momento, derivado dá crise económica do 2008, que aínda hoxe arrastramos”, apunta a técnica responsable do servizo, Milagros Antelo. Ao longo destes dez anos pasaron polas instalacións do Fórum Carballo un total de 5.163 demandantes de emprego e 562 empresas, e grazas ao labor de intermediación que realiza a BDT formalizáronse 543 contratacións.
Empresas
A Bolsa de Traballo conta con 562 empresas usuarias, que ao longo destes dez anos tramitaron un total de 1.150 ofertas de emprego para cubrir 2.067 postos de traballo. A través do servizo gratuíto do Concello de Carballo foron contratadas 543 persoas. Nestes momentos están abertas 86 ofertas e 22 en trámites para iniciar o proceso de intermediación. Agás no 2013, ano no que arrincou a BDT, e o 2020, debido á pandemia, a media anual de ofertas sitúase en 120. Este ano todo indica que se superará a cifra con fartura, xa que a estas alturas tramitáronse xa 80.