A bonificación do 10% no canon de Sogama durante o últimos tres anos aforrou aos galegos un total de 9.756.328 euros.
Unha gran maioría dos concellos solicitantes conseguiron acollerse á mesma ao dar debido cumprimento aos dous requisitos esixidos: promover a redución da produción de residuos e/ou a reciclaxe de envases lixeiros, e trasladar a rebaixa ao recibo dos veciños.
En 2021, foron 165 os entes locais que pediron esta bonificación, dos cales 152 levaron á práctica os criterios establecidos. Para 2022, foron 167, quedando estes obrigados a acreditar, a principios de 2023, e a través de certificado asinado pola autoridade competente, que materializaron ambas as dúas esixencias.
A diminución do canon de Sogama será aínda maior este ano xa que, á bonificación do 10%, que traerá consigo un aforro estimado de máis de 3.431.000 euros, sumarase a aplicación, por parte da empresa pública, dunha rebaixa xenérica do 5% para os 295 municipios adheridos ao seu sistema. Neste caso, o canon baixará dos 69,48 euros/tonelada de 2021 aos 66,00 euros/tonelada. De acollerse á bonificación, o importe situarase en 59,40 euros/tonelada, coa particularidade de que, adicionalmente, non se computará o IPC correspondente (6,5%).
Con todos estes ingredientes, a rebaixa podería chegar ao 21%, estimando un aforro superior aos 11 millóns de euros para os petos dos galegos.