A borrasca Fien, a sexta de gran impacto da tempada, chega este luns cun temporal marítimo, de vento e neve, que traerá ondas de 6 a 8 metros e refachos de máis de 80 km/h nalgúns puntos de España, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). O temporal, que tamén traerá precipitacións, espérase que comece a remitir o próximo xoves, aínda que se manterán as baixas temperaturas. “A borrasca Fien será unha baixa secundaria no seo dunha gran área de baixas presións que abarca boa parte do norte de Europa. Entre ela e o anticiclón dos Azores canalizarase vento moi intenso, que arrastrará ata España unha masa de aire moi frío e húmido”, vaticinou a AEMET en Twitter. Este cambio das temperaturas veu precedido cunha fin de semana máis fría en comparación coas últimas semanas e que deixou o domingo a unha quincena de provincias en risco de nevadas, ondada e vento.
0