As principais indicendias tiveron lugar en Caión. No centro da vila, na Praza Eduardo Vila Fano, as fortes rachas de vento provocaron a caída da pantalla xigante informativa situada xunto ao acceso ao Sendeiro de Saldoiro. Así mesmo, no lugar do Outeiro, nas inmediacións do santuario dos Milagres, caeron dúas árbores sobre a estrada -o que, afortunadamente, non causou danos persoais nin materiais de relevancia- que xa foron retiradas polos servizos municipais a primeira hora da mañá, quedando a vía restablecida.
Tamén na rede viaria o Concello ten constancia de colisións por alcance de vehículos rexistradas na estrada AC-552 ao seu paso por Paiosaco e tamén en Fofelle (preto do núcleo urbano da Laracha), probablemente a consecuencia da presenza de granizo na calzada. Ademais, detectouse a caída dalgúns sinais verticais e de paneis informativos que están a ser repostos progresivamente.
No complexo deportivo municipal da Laracha, a forza do vento causou danos nunha das pistas de pádel ao levantar parcialmente o céspede sintético. A incidencia foi reparada con rapidez e as instalacións están nestes momentos en boas condicións.
Desde o Concello lémbrase á poboación a necesidade de extremar as precaucións, evitar desprazamentos innecesarios e atender en todo momento ás indicacións das autoridades competentes mentres persistan as condicións meteorolóxicas adversas.