A borrasca Karlotta aproxímase a Galicia con fortes refachos e chuvia abundante

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para esta madrugada a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra, por vento en terra con refachos moi fortes en zonas da provincia coruñesa e na Mariña lucense, e por choiva no oeste e suroeste da Coruña.

Sinalan que, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro comezará esta madrugada en todo o litoral da Coruña e estenderase tamén ao de Pontevedra.

Espérase vento do sur a suroeste de forza 8 de ata 74 km/h con mar combinada con ondas de ata sete metros. O episodio adverso por vento do sur e do suroeste espérase a partie da medianoite e alcanzará refachos de 100 quilómetros por hora no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e na Mariña lucense. No resto da comunidade o aviso será de nivel amarelo por refachos máximos de 80 quilómetros por hora. No oeste e suroeste da Coruña estará ademais activa a alerta laranxa por choivas a partir da madrugada, con precipitacións acumuladas de máis de 80 milímetros en 12 horas. No noroeste e interior da Coruña e no resto de provincias, a alerta será amarela por choivas acumuladas de 60 l/m2 en 12 horas.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, tamén diques, rompientes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ante os fortes ventos e a choiva que se espera, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que poidan caer polo vento, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas marxes dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e xanelas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha