O 112 rexistrou un total de 794 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa entre este mércores e xoves.
A tipoloxía de incidencia máis repetida foi a de árbores e pólas en vías de circulación, con 336 casos rexistrados, seguida das accións de prevención e risco, con 110. Tamén cómpre destacar o número de incidencias en circulación, como os reportes que se fixeron por cables de luz ou teléfono en estradas (49) ou restos de accidentes en vías (40). A intensidade das precipitacións deixouse notar nestes dous días, cun total de 15 estradas alagadas ou con bolsas de auga. Producíronse un total de 82 accidentes de tráfico, aínda que 61 deles foron sen persoas feridas.
En canto a como se distribuíron estas incidencias, a provincia máis castigada foi a da Coruña, con 319, seguida da de Pontevedra, con 237. En Lugo acadáronse 156 mentres que en Ourense unhas 82. Do mesmo xeito, os concellos que sufriron máis os efectos da meteoroloxía adversas foron o da Coruña (44), A Estrada (23), Lugo (23), Vigo (23) e Pontevedra (22).
En canto aos incidentes máis destacados nas últimas horas, cómpre mencionar que o tráfico continúa cortado na A-6 en Baralla, mentres que a A-52 na Cañiza xa foi reaberta á circulación. A AC-14 en Elviña atópase cortada en ambos sentidos.
Tamén se reportou a presenza de numerosas árbores en vías principais, como na AP-9 en Mesía, no Porriño e Padrón, na N-120 en Nogueira de Ramuín ou na AG-31 en Celanova ou a AG-64 en Xermade.
Por último, cómpre destacar o desprendemento de parte dunha cúpula que cobre un xardín no Matadoiro, na Coruña. Tamén voaron varios paneis e uralitas de tellados, como nunha nave no polígono industrial de Cuíña, sen que se producisen danos persoais.
Continúa activo o Plan Inungal
O Plan de control e seguimento do caudal dos ríos, o Plan Inungal, permanece activo en fase de preemerxencia. Os ríos que están baixo vixilancia por elevados caudais e risco de desbordamentos puntuais son:
- A Coruña: Xubia (San Sadurniño), Barcés (Abegondo) e Tambre (Oroso).
- Pontevedra: Louro (Tui), Gallo e Umia (Cuntis), Umia (Ribadumia), Lérez (Pontevedra), Miñor (Gondomar), Cabeiro (Redondela), Tea (Salvaterra de Miño) e Miño (Salvaterra de Miño).
- Ourense: Avia (Ribadavia), Miño (Ourense e A Peroxa), Sil (O Barco de Valdeorras) e Limia (Bande).