A brigada municipal de obras de Carballo xa está ao completo e estrea vestiario coa nova marca identificativa

Ser Carballo non é só unha metonimia de Servizos Carballo, senón unha nova marca que alude indirectamente tanto ás persoas que prestan os servizos públicos coma ás que os utilizan, un lema co que o Goberno local pretende reforzar a identidade colectiva e o valor do público.

Aínda que Ser Carballo figura desde hai xa tempo nos vehículos e nos uniformes do persoal de servizos externos como a limpeza viaria, a roza, o control de pragas ou o mantemento de parques e xardíns, este venres realizaron a presentación en sociedade cunha foto de familia da brigada municipal de obras, un dos servizos máis antigos da administración local, que se renova coa incorporación de novos funcionarios, entre eles a primeira muller da súa historia, e que ademais estrean uniformes.

A brigada municipal de obras está formada agora mesmo por 14 traballadores e traballadoras que se encargan de todo tipo de tarefas de mantemento e intendencia. E aínda que o equipo, dirixido por Manuel Mariño, realiza un traballo transversal, organicamente depende da Concellaría de Servizos, Medio Ambiente e Protección Civil. Hoxe o concelleiro delegado da área, Miguel Vales, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros do goberno municipal, participaron na presentación.

Ser Carballo é unha iniciativa que busca fortalecer o sentimento de pertenza e poñer en valor os servizos públicos que fan posible a vida cotiá do noso concello. Porque Ser Carballo non é só ser de aquí ou vivir aquí, senón participar activamente no coidado do espazo común, valorar os servizos que compartimos, e construír, entre todas e todos, unha identidade baseada no respecto, na colaboración e no orgullo de pertenza.

Con cada acción cidadá, como manter limpo o entorno, respectar as zonas verdes ou usar responsablemente a auga, somos máis Carballo. Desde o Concello queren convidar á cidadanía a implicarse na corresponsabilidade do común, lembrando que o público é de todas e todos, e cando o coidamos, medramos como comunidade.

Related posts

Preocupación dos socialistas de Muxía polos recortes na educación pública nos colexios da vila

Un tremor de terra con epicentro en Zas levanta o alicatado do chan dunha casa en Rus, Carballo

O PSOE da Laracha insta á Xunta a axilizar os procesos de recoñecemento do grao de discapacidade