A Business Factory Auto avala a aposta da automoción galega pola innovación


A feira do emprendemento Startup Olé ’22, que se celebra en Salamanca, vén de recoñecer á Business Factory Auto (BFAuto) co Premio Best Hub, un galardón que avala a aposta da automoción galega pola innovación e pola transformación dixital. Este novo recoñecemento obtido pola BFAuto súmase ao premio na categoría de mellor aceleradora nos South Europe Startup Awards, no ano 2020, ou o I Premio Nacional de Movilidad en 2021 na categoría para ONG, fundacións e asociacións, entre outros. Deste xeito, a BFAuto tense convertido nunha panca de transformación desta industria, contribuíndo a xerar talento e innovación en Galicia. Desde a súa posta en marcha a aceleradora permitiu impulsar 64 novas empresas que xeraron máis de 550 postos de traballo na Comunidade.