A alcaldesa do concello coruñés, Inés Rey, presentou o percorrido da Cabalgata de Reis 2023 que contará cunha marcada inspiración picassiana no deseño das carrozas. As carrozas reais son Torres de Hércules, simulando as torres de caramelo que acostumaba debuxar Picasso, e cada unha delas terá unha cor diferente (vermello, verde e amarela).
En canto ao percorrido, a Cabalgata terá como punto de saída a explanada do mercado da Sardiñeira e sairá ás 18.00 h ata a rolda de Outeiro seguindo o percorrido por Alcalde Pérez Ardá e Ramón y Cajal ata a avenida de Oza. Continuará ata Catro Camiños, A Palloza e Primo de Rivera chegando á praza de Ourense por Linares Rivas. Este será o primeiro tramo do percorrido que ten unha duración prevista de hora e media, chegando á praza de Ourense arredor das 19.30 h. Despois continuará polos Cantóns e a avenida da Mariña ata Porta Real, rematando a cabeza da cabalgata aproximadamente ás 20.30 h na praza de María Pita. A continuación, aproximadamente ás 21.15, os Reis Magos saudarán desde o Palacio Municipal a todos os nenos e nenas presentes na praza.
Ademais, tamén con motivo do ano Picasso, na comitiva participarán varias compañías francesas así como outras de carácter local e nacional. Un total de 16 compañías artísticas e de animación que se situarán entre as carrozas para animar o público durante o paso dos Reis Magos. En total, a comitiva real está formada por preto de 1000 persoas.
Puntos accesibles e sen ruído
O percorrido contará ademais con 4 puntos accesibles e 2 puntos sen ruído. Os puntos accesibles estarán localizados na rúa alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses, na praza de Ourense na zona do Quiosco; fronte á parada do autobús no número 21 da Mariña, fronte á subdelegación do Goberno e, finalmente, na praza de María Pita, na zona lateral próxima á rúa Troncoso. Nestes catro puntos estarán ademais situados catro puntos de atención sanitaria e Primeiros Auxilios da man de Cruz Vermella. O situado en Pérez Ardá trasladarase a María Pita unha vez pase a cola do desfile co obxectivo de garantir a seguridade na praza.
Os dous puntos sen ruído estarán instalados no viaduto da rolda de Outeiro, na zona da parada de autobús situada na rúa Cabaleiros e no Teatro Colón, no interior do equipamento. Todos eles estarán atendidos por persoal de organización da Cabalgata, garantindo o seu correcto uso así como a seguridade das persoas que a utilicen.